CRTVG

Buscar

A bolsa abre en positivo influída pola anunciada fin da corentena en Wuhan

Publicado o 24/03/2020 11:28

A bolsa española abriu este martes con subas próximas ao catro por cento, animada pola tendencia positiva de Asia e tras coñecerse que Wuhan, capital da provincia chinesa de Hubei e foco do coronavirus, levantará o 8 de abril a corentena.

O feito de que A China estea a vencer a pandemia devolve o ánimo aos investidores, e iso reflíctese tanto no IBEX 35 como no resto dos mercados europeos. Tanto Frankfurt como Milán, París ou Londres decántanse polas alzas.

Tras o peche en negativo da véspera en Europa e en EUA, onde Wall Street pechou con perdas moderadas tras a falta de acordo para impulsar estímulos fiscais no país ante a pandemia do coronavirus, o ánimo dos investidores parece recuperarse este martes.

Dentro do IBEX 35, case todos os valores cotizan en positivo. 

No mercado de débeda, a rendibilidade do bono español a dez anos mantense no 0,766 %, coa prima de risco en 114 puntos básicos.