CRTVG

Buscar

A Revista

A Biblioteca Rosalía de Castro de Bos Aires conta con importantes tesouros da nosa literatura galega, como Castelao ou Blanco Amor

Publicado o 16/01/2017 12:46

Imos agora coñecer a Biblioteca Rosalía de Castro de Bos Aires.
Unha institución que conta cun importante acervo bibliográfico e arquivístico que busca pór en valor mediante un proxecto de dixitalización e difusión para achegar a cultura galega a todos os arxentinos.

É quizais unha das grandes descoñecidas en Bos Aires, pero a Biblioteca Rosalía de Castro agocha entre as súas vidreiras algúns dos tesouros máis prezados da literatura galega.
Primeiras edicións doadas por autores como Castelao ou Blanco Amor, cadros, ou unha hemeroteca dos xornais galegos na diáspora.

Material todo el de gran valía herdado dos catro centros provinciais que se uniron no Centro Galicia de Bos Aires e que agora a institución quere pór en valor.

Marta Villar, bibliotecaria do Centro Galicia de Bos Aires

"Estamos reorganizando a sección do fondo antigo e de valor patrimonial que é incalculable"

Unha nova etapa que inclúe a dixitalización de máis de 10.000 fondos para que se poidan consultar a través da rede.

O obxectivo é garantir a súa conservación e difusión.

Alberto Vázquez, vicepresidente segundo da Comisión de Cultura do Centro Galicia de Bos Aires

"Que a biblioteca sexa un lugar de encontro cultural de aquel socio ao que lle interese a nosa tradición literaria e documental, pero abrilo tamén ás novas áreas académicas de investigación que teñen interese".

Nun país cunha gran tradición lectora as bibliotecas galegas da Arxentina aspiran a ser un portal de difusión da nosa literatura.

Marta Villar, bibliotecaria da Biblioteca Rosalía de Castro do Centro Galicia de Bos Aires

"Temos que seguir facendo un esforzo para seguir gañando lectores, investigadores usuarios e eu estou satisfeita de que este ano iso se conseguiu".

Xa para 2017 a Biblioteca Rosalía de Castro está a artellar un programa de dinamización cultural para sacar os libros galegos ás rúas de Bos Aires. Queren que a xente se achegue e se sinta cómoda cunha cultura que tamén lles é propia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

A Revista

16/01/2017