CRTVG

Buscar

A banca terá que pagar o imposto das hipotecas a partir do vindeiro luns

Publicado o 09/11/2018 08:41

Mañá entra en vigor a modificación da lei aprobada onte polo Consello de Ministros que obriga a banca a pagar a partir do luns o imposto das hipotecas. O Goberno vai velar para que as entidades bancarias non trasladen aos clientes o custo deste tributo nas condicións das hipotecas que concedan a partir de agora.

O decreto lei aprobado por vía de urxencia foi a resposta do Executivo ao ditame do Tribunal Supremo que acordaba volver á xurisprudencia anterior e obrigar a pagar aos clientes. Co fondo deste enfrontamento entre o alto tribunal e o Goberno, onte esta imaxe foi unha das máis captadas. A conversa, privada segundo Vicepresidencia, entre Carmen Calvo e o presidente do Supremo Carlos Lesmes durante un acto no Tribunal Constitucional. 

O real decreto do Goberno modifica un artigo ambiguo da lei para deixar claro que son os bancos e non os clientes quen deben pagar o imposto das hipotecas. Faino con urxencia, di, para acabar coa alarma social creada coa sentenza do Supremo. Tamén modifica o imposto de sociedades para que a banca non poida deducir ese gasto. Asegura que a autoridade de protección do cliente de produtos financeiros vixiará que este e outros custos hipotecarios deriven en abusos ao consumidor.

María Jesús Montero, ministra de Facenda: "Velará porque non se produza ningún tipo de traslado de custos aos clientes financeiros e ademais porque non se incorporen cláusulas abusivas nos contratos que regulamentan as hipotecas e o establecemento das súas garantías xurídicas".

Para o PP, é un engano. Pero Ciudadanos, que podería apoiar a validación do real decreto no Congreso, cre improbable que a banca traslade ao cliente o custo do imposto.

José Manuel Villegas, secretario xeral de Ciudadanos: "Non vai ser doado repercutir directamente ese imposto porque hai competencia entre as diferentes entidades e será a libre competencia a que teña que facer de árbitro do prezo das hipotecas, como non pode ser doutra maneira nun mercado libre".

Pablo Casado, presidente do PP: "Non enganen a xente. O imposto vaino acabar pagando quen se hipoteca, e por iso nós dicimos que hai que suprimir o imposto. E dicímolo coa credibilidade de que hai que reformar o sistema de financiamento autonómico para compensar neses ingresos as autonomías".

O Goberno asegura que non o elimina porque o xestionan as comunidades autónomas e suponlles uns ingresos anuais de 2.000 millóns de euros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/11/2018