CRTVG

Buscar

A baixura galega pide a retirada das modificacións do regulamento de control pesqueiro

Publicado o 26/03/2021 14:33

A baixura galega mobilizouse para esixir a retirada das modificacións do regulamento de control pesqueiro aprobadas durante a súa tramitación no Parlamento Europeo.

Os barcos, que maioritariamente secundaron a xornada de paro convocada no sector, concentráronse este mediodía nas bocanas dos portos facendo soar as súas sirenas mostrando o seu rexeitamento a esta normativa comunitaria.É a resposta da baixura galega ás modificacións do regulamento de control da actividade pesqueira aprobadas polo Parlamento Europeo.

Concentracións de rexeitamento, como esta de Ribeira, repetíronse por toda a costa galega cun único obxectivo, pedir a retirada do documento e que o novo teña en conta as especificidades da frota artesanal galega. A maioría das 3.800 embarcacións de baixura galegas quedaron esta xornada amarradas a porto, respectando o paro convocado no sector.

Todos os mariñeiros da baixura coinciden en que a xeolocalización, o diario electrónico ou as cámaras a bordo son medidas inasumibles. Son gastos engadidos para os barcos. Esta foi a primeira protesta, pero xa anuncian que volveran a mobilizarse se as súas reivindicacións non son atendidas.

Noticias web

26/03/2021