A baixada da cota leva a neve ata A Fonsagrada
A neve cobre as cotas máis altas das serras orientais da provincia de Lugo, onde se acumularon ata cinco centímetros de grosor. Así e todo, as nevaradas das últimas horas non afectaron o tráfico, como se pode comprobar neste porto da Fontaneira, que une a capital luguesa coa Fonsagrada. De feito, na propia vila fonsagradina as rúas están limpas e tampouco hai placas de xeo, a pesar de que as temperaturas mínimas foron negativas.
"Esta mañá apareceu un pouco nevado, pero foi pouquiña cousa. Máis que nada, vai frío porque estabamos afeitos a esas temperaturas de verán. Pero lévase ben".
"Vai frío, e esta noite nevou tamén, pero para nevar na Fonsagrada non foi moita a neve que houbo. Non é, o que nos veu, moito". "Eu veño de Ribadeo e neve na estrada non había nada. Só ao chegar aquí, preto da Fonsagrada, empezaba a haber neve. O demais está todo perfecto".
Víctor Lombardía, Protección Civil da Fonsagrada: "En canto a estradas, as xerais están totalmente limpas. Na vila non hai problema ningún, que tamén está todo limpo. Pode haber algunha secundaria nunha zona moi alta que teña algún problema, pero esperemos que ao longo do día se vaia resolvendo".
Os veciños da Fonsagrada esperan que esta neve tardía, coñecida como a do cuco, sexa a última dunha temporada que apenas deixou nevaradas.
Víctor Lombardía, Protección Civil da Fonsagrada: "Esta, efectivamente, pode ser a nevada do cuco. Esperamos que así sexa. A máis grande que tivemos foi en outubro, e durante a campaña da neve só houbo outra. E agora esta, en primavera".
A alerta amarela por nevaradas na montaña luguesa continuará pola noite e durante a xornada de mañá. En calquera caso, prevese que a capa de neve siga sen superar os cinco centímetros de grosor.