CRTVG

Buscar

O socio de Tania Varela dixo que descoñece a procedencia dos cartos achegados por ela

Publicado o 07/03/2019 16:23

Hoxe foi a quenda das testemuñas no xuízo que se segue na Audiencia Provincial de Pontevedra contra Tania Varela, a avogada cambadesa condenada por tráfico de drogas que estivo cinco anos fuxida da xustiza. Desta vez, está acusada de branqueo de capitais procedentes do narcotráfico. Ela defende que eran cartos legais, que gañou co seu traballo.

O socio de Tania Varela en Promociones Rialto foi unha das testemuñas centrais nesta segunda sesión do xuízo. A Fiscalía acusa a avogada cambadesa de utilizar esa sociedade como instrumento para branquear 75.000 euros mediante a compra dun coche e varios terreos no Grove. O seu socio dixo que descoñece a procedencia dos cartos achegados por Tania Varela. Ela asegura que eran ingresos legais, polo seu traballo como avogada e asesora de distintas entidades, como a confraría de Cambados.

"Todo o que se lle imputa é anterior á súa detención. Estamos falando de ingresos que tivo como profesional moito antes", asegura Bernardino Rodríguez, avogado de Tania Varela.

A defensa insiste na inocencia de Tania Varela e pide a nulidade das actuacións por suspostos defectos na instrución.

"Houbo bastantes irregularidades neste procedemento e no anterior. Vou insistir niso", adianta o avogado antes de comezar a vista.

Tania Varela, soa no banco dos acusados, debía comparecer neste xuízo canda outros cinco imputados, entre eles o fillastro de Oubiña, David Pérez Lago. Pero todos os demais foron xa xulgados e condenados por este caso, mentres Tania Varela permanecía en busca e captura.

Fuxiu en 2013, tras ser condenada a sete anos e medio de prisión por tráfico de drogas a consecuencia dun alixo de 2.000 quilos de cocaína atribuído a Pérez Lago. Agora, Tania Varela enfróntase a outros tres anos e medio de cárcere por branqueo de capitais procedentes, segundo o fiscal, do tráfico de drogas polo que xa fora condenada.

Noticias web

07/03/2019