CRTVG

Buscar

A Avogacía do Estado acusa a xuíza do 8-M de abrir unha "causa xeral da crise sanitaria"

Publicado o 27/05/2020 20:09
A Avogacía do Estado acusa a xuíza do 8-M de abrir unha "causa xeral da crise sanitaria"

A Avogacía do Estado, exercendo a defensa do delegado do Goberno en Madrid, José Manuel Franco, apelou directamente á Audiencia Provincial de Madrid solicitando a revogación do auto polo que a xuíza Carmen Rodríguez-Medel abriu a investigación penal por permitir a manifestación do 8-M en Madrid.

O escrito carga duramente contra a instrutora, á que acusa de converter a instrución "nunha causa xeral da xestión da crise sanitaria", saltando incluso as suspensións procesuais vixentes no estado de alarma. O recurso está asinado pola avogada do Estado Rosa María Seoane -a mesma que defendeu a tese da sedición durante o xuízo polo procés independentista en Cataluña- e foi presentado o pasado 20 de abril, é dicir, case un mes antes de que se elaborase o informe da Garda Civil que se relaciona coa polémica destitución do xefe da comandancia do instituto armado en Madrid, Diego Pérez de los Cobos

Ao longo de 18 páxinas, Seoane denuncia que a instrutora ignorou as disposicións do estado de alarma para os tribunais e vulnerou o dereito do delegado do Goberno a un proceso con todas as garantías, polo que solicita á Audiencia que declare a súa nulidade. Entre outros aspectos, sinala que "no seu afán de atopar indicios da tipicidade dos feitos denunciados", Rodríguez-Medel desbordou o ámbito competencial que ela mesma acoutou respecto á investigación e solicita á Garda Civil información "non soamente sobre a actuación do Delegado do Goberno, senón de calquera outra autoridade que nin sequera identifica, e converte así esta instrución nunha causa xeral da xestión da crise sanitaria".

Noticias web

27/05/2020