CRTVG

Buscar

A auxiliar da automoción Benteler inaugura en Mos a segunda factoría en Galicia

Publicado o 19/06/2019 16:05

A boa marcha de PSA está a tirar das auxiliares con sede en Galicia. Unha delas, Benteler, inaugurou tamen hoxe a súa segunda factoría en Galicia, no concello de Mos, en que van traballar 175 persoas.

A empresa auxiliar de automoción alemá Benteler inaugurou este mércores en Mos, Pontevedra, a súa primeira smart factory. Vai empregar a 175 persoas  que elaborarán compoñentes para o Grupo PSA Peugeot Citroën.

Nesta nova fábrica, que se suma á planta coa que xa conta o grupo xermano en Vigo, utilizaranse a impresión 3D, vehículos autónomos intelixentes, máquinas que monitorizarán o seu propio estado e 'Big Data'.  

Tras o acto de inauguración, o director da rexión do sur de Europa da empresa, Ricardo García, detallou que esta fábrica exercerá como unha "planta satélite" da de Vigo. Así, na fábrica do polígono vigués de Valadares estamparanse os compoñentes, que, posteriormente, se trasladarán a Mos, onde se executarán a soldadura, a pintura e o corte por láser. Nesta liña, concretou que esta nova planta fornecerá 750.000 eixos traseiros ao ano para as instalacións coas que conta o Grupo PSA en Zaragoza, Madrid, Vigo e Kenitra (Marrocos).  

Á inauguración tamén asistiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen destacou a importancia da "confianza" entre as empresas e puxo como exemplo a xerada entre Benteler e PSA.  Tamén afirmou que a aposta por Galicia por parte da multinacional alemá para poñer en marcha a súa primeira smart factory no mundo acredita que a comunidade é "atractiva" para os investimentos e afirmou que iso permitirá "xerar riqueza". A maiores, puxo o foco na necesidade de que sexan as empresas as que aposten polas persoas en relación á xeración de emprego. Ademais, asegurou que as administracións públicas deben "facilitar" a instalación das fábricas para permitir que se "xere riqueza".   

No acto, director da rexión do Sur de Europa de Benteler indicou que a nova fábrica conta cunha superficie de 12.000 metros cadrados, que se espera que se poidan ampliar no futuro, e que a súa construción supuxo un investimento de 20 millóns de euros.

A planta de Mos xa se atopa en probas, aínda que non comezará a operar dun modo definitivo ata o próximo 8 de outubro. Así, durante estes meses, comezáronse a incorporar progresivamente os empregados, aos que se formará na utilización das novas tecnoloxías coas que contará a smart factory.

Durante o acto, o director da PSA en Vigo, Ignacio Bueno, puxo en valor a creación da segunda planta de Benteler na zona de Vigo e asegurou que, deste xeito, reforzarase a súa "presenza" na área e a súa "conexión" co grupo de automoción. Lembrou que a empresa auxiliar se instalou na cidade olívica en 2006 e incidiu no feito de que, desde entón, "apoiou" a PSA e contribuíu ao "desenvolvemento" da rexión.   

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/06/2019