CRTVG

Buscar

A autovía que unirá Lugo con Santiago segue acumulando atrasos

Publicado o 16/06/2021 15:36

A autovía que unirá Lugo con Santiago volve acumular un atraso novo. Os transportistas que fan a diario o traxecto entre Lugo e Santiago seguen contando os días para ver rematada a A-54. 

Joaquín Iglesias, transportista, explica que "as obras van moi lentas, parece a obra de nunca acabar". Francisco García, tamén transportista, di que "iso vai moi lento, leva por aí dez anos ou máis".

A autovía Lugo-Santiago iniciouse hai vinte anos e segue en obras. Une vilas como Arzúa, Palas de Rei e Melide, ademais da cidade de Lugo con Santiago. Os empresarios da zona non entenden o porqué de tantas demoras.

Esteban Raposo, empresario en Arzúa, asegura que "todos os días saen de aquí os compañeiros a instalar e 10 minutos ao día por todos os equipos que saen son horas de traballo ao día que se podían aforrar".

A Xunta pídelle ao Goberno que teña a autovía rematada para o 2022, coincidindo coa prórroga do Xacobeo. A conselleira de Infraestruturas Ethel Vázquez quere que "o ritmo de execución se incremente facendo quendas dobres" para que "Galicia estea preparada para acoller o Xacobeo". O Ministerio xa anunciou que a obra se vai demorar, como mínimo, ata o 2024.

Noticias web

16/06/2021