CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Mediodía

A Autoridade Portuaria de Marín acepta adscribir os terreos que ocupa Ence na ría

Publicado o 05/10/2021 14:02
AXENCIAS 


A Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra aceptou a adscrición dos terreos que ocupa a fábrica de Ence en Lourizán, segundo explicou o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda.

En concreto, este martes Rueda avanzou que o Executivo autonómico está "a explorar a posibilidade que expuxeron os traballadores" de adscribir ao Porto de Marín os terreos de dominio público marítimo terrestre que ocupa a fábrica de Lourizán "e, polo tanto, dar unha solución xurídica para que ao final poidan seguir as instalacións en Pontevedra".   

A Xunta trasladou a consulta sobre esta posibilidade á Autoridade Portuaria e este luns "acaba de contestar dicindo que si, que sería unha situación óptima a ampliación dos terreos do porto para facer unha adscrición maior e que puidese haber máis instalacións aí", informou Alfonso Rueda.

Agora a Xunta elevará ao Consello Consultivo de Galicia esta posibilidade. O vicepresidente primeiro apuntou que "ata o de agora, a todo o mundo lle valeron" as respostas que deu este órgano de carácter técnico xurídico. "Por suposto, que se di que non o ve viable é unha posibilidade que criamos que valía a pena explorar pero que non pode ir máis aló, se o ve viable cremos que hai unha solución que, cando menos, debe exporse", comentou Rueda. 

Fronte a aqueles que sosteñen que non é legal a adscrición ao Porto dos terreos que ocupa Ence o vicepresidente primeiro pediu "un pouco de coherencia e que non descarten posibilidades, sen dar ningunha razón, sen saber ates se é viable" e insistiu en que "aquí o que estamos a tentar é salvar postos de traballo".   

"Se nos din que non, para a Xunta de Galicia esa posibilidade terminou", insistiu Rueda sobre a resposta do Consello Consultivo. 

Tamén confirmou que a Xunta de Galicia aínda non recibiu a convocatoria por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica para celebrar unha nova reunión da mesa de traballo para abordar o futuro da fábrica de Ence en Pontevedra.