A autopsia non desvela a causa pola que morreu un ciclista este domingo en Narón
As pescudas en relación coa morte dun ciclista no lugar da Mata, parroquia de Castro, en Narón, descartan que houbese algún outro vehículo implicado no suceso. O home apareceu tirado neste punto onda unha bicicleta que tiña a roda dianteira fóra da forquita. Era veciño do concello de Neda, concretamente do lugar de Munchiqueira, tiña sesenta e seis anos e rexentara ata hai un ano un negocio de hostalería na zona.
Un matrimonio que pasaba nun coche viu un casco de ciclista no asfalto e decatouse de que home estaba no chan. Polo visto nas pegadas sobre a parede e polo que din no lugar, o máis probable é que o ciclista estivese baixando en dirección a Meirás e, ao chegar á curva, fose dereito contra o lateral da casa.
Os primeiros resultados da autopsia non permitiron acalarar a causa do seu falecemento, que puido ser por causas naturais ou polo forte traumatismo na cabeza. Agora, será a Unidade Central de Análises Científicas en Madrid a que terá que elaborar un informe definitivo para clarificar esta morte.
Os seus restos mortais serán soterrados este martes no cemiterio parrroquial de San Pedro de Anca, en Neda.