CRTVG

Buscar

A autopsia determinará a causa da morte dun ciclista nedés

Publicado o 03/02/2020 13:54

As pescudas en relación coa morte dun ciclista no lugar da Mata, parroquia de Castro, en Narón, descartan que houbese algún outro vehículo implicado no suceso. A vítima, un veciño do concello de Neda, de sesenta e seis anos de idade, apareceu tirado neste punto onda unha bicicleta que tiña a roda dianteira fóra da forquita. Foi un matrimonio que pasada nun coche quen viu un casco de ciclista onda o asfalto e se decatou do home no chan. Na vivenda do lado nin se decataran ata entón do sucedido.

Polo visto nas pegadas sobre a parede e polo que din no lugar, o máis probable é que o ciclista estivese baixando contra as cinco da tarde en dirección a Meirás e, ao chegar á curva, fose dereito contra o lateral da casa.

O que falta por determinar é se non tomou a curva porque sufriu algunha indisposición física ou se non puido controlar a bicicleta e acabou sufrindo un golpe mortal ao bater contra a vivenda.

Segundo manifestaron este mediodía desde a comandancia da Garda Civil da Coruña, o informe forense sobre a autopsia permitirá aclarar esa circunstancia.

Noticias web

03/02/2020