CRTVG

Buscar

A familia Quer xa contaba con que non se puidese demostrar se fora violada

Publicado o 09/03/2018 15:26

A familia de Diana Quer non está sorprendida cos resultados da autopsia. Segundo dixo esta mañá o pai da moza, xa contaban con que non se puidera confirmar se houbo ou non violación, polo tempo transcorrido e polas circunstancias en que apareceu o corpo.

Tras cincocentos días somerxida na auga, os restos biolóxicos de Diana Quer foron pouco clarificadores para os investigadores do Instituto Nacional de Toxicoloxía. Segundo trascendeu nas últimas horas, as probas forenses non permiten confirmar a agresión sexual, aínda que tampouco a desbotan, tal e como adiantara o informe preliminar realizado en Galicia. Unhas circunstancias que non alteran o ánimo da familia de Diana Quer, nin os seus formulamentos como acusación particular. 

A acusación de asasinato con agresión sexual é un dos supostos da prisión permanente revisable. No caso de Diana Quer, aínda que a autopsia non sexa concluínte, a acusación podería abordar outras vías de proba como os outros dous casos en que se investiga O Chicle por presuntos delitos sexuais ou os indicios recabados polos investigadores na nave onde apareceu o cadáver. Segue tamén pendente de resolución a solicitude que fixo a acusación particular para unha reconstrución no lugar dos feitos. Unha serie de circunstancias polas que o pai de Diana Quer pide respecto ao procedemento xudicial.

Nas próximas horas está previsto tamén que se resolva o recurso que presentou a acusación particular contra a desimputación de Rosario Rodríguez, a muller do Chicle.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/03/2018