CRTVG

Buscar

Ingresa nun psiquiátrico o home acusado de esganar o seu sobriño en Santiago

Publicado o 22/09/2020 21:18

O suposto agresor padece un trastorno psiquiátrico. Agora os médicos están intentando estabilizalo antes de que preste declaración ante a policía.

A autopsia do cativo concluíu ás 5 da tarde deste martes nas dependencias do IMELGA, no hospital provincial de Conxo. Segundo o informe dos forenses, o cativo morreu asfixiado.

Os feitos ocorreron este luns minutos antes das oito da tarde na casa familiar. Segundo o atestado policial ao que tivo acceso a Televisión de Galicia, os avós estaban coas netas na horta. As cativas xogaban cunhas veciñas cando chegaron os pais. A parella deuse de conta entón de que faltaban o rapaz e mais o tío. O pai do rapaz subiu á casa. Oía golpes dentro, pero ninguén lle abriu, así que o home botou a porta abaixo. Tamén derrubou a porta do baño. Alí o pai atopou o cuñado afogando o seu fillo.

Cando a policía chegou á vivenda, os pais tentaban reanimar o cativo sen éxito e un veciño intentaba controlar o suposto agresor.

Os pais declararon ante a policía que o tío afogara o rapaz, que tiña problemas psiquiátricos e que posiblemente sufrira un brote psicótico.

A morte do neno causou unha enorme conmoción na cidade, onde a familia era moi coñecida. Na reixa do negocio familiar, agora pechado, deixaron flores como mostra de apoio á familia.

Noticias web

22/09/2020