CRTVG

Buscar

A Audiencia Provincial da Coruña reabre a instrución do caso Alvia

Publicado o 12/11/2019 16:17

Faino para abordar a presunta irregularidade denunciada por un ex-traballador de Talgo, que asegurou que directivos desa empresa ordenaron borrar datos sobre as avarías do tren sinistrado, poucas horas despois de que descarrilara en Angrois.

Deste xeito, transcorridos xa máis de seis anos do descarrilamento, que deixou 80 mortos e 144 feridos na curva da Grandeira, o titular do xulgado de instrución número 3 compostelán deberá indagar sobre estes feitos. Ata o momento, estaban imputadas dúas persoas: o maquinista do convoi, que aquel día circulaba cun exceso de velocidade após atender unha chamada do interventor; e o exdirector de seguridade na circulación de Adif, ao que o instrutor atribúe a responsabilidade dunha avaliación de riscos deficiente na liña.

A plataforma de vítimas 04155 achegou esta declaración xurada, que leva agora o tribunal a ordenar o regreso á fase de dilixencias previas.  As vítimas aplauden a reapertura da causa para "que se investiguen todos os feitos". 

"Contentos de que se investiguen todos os feitos porque queremos saber toda a verdade, é o que levamos reclamando máis de seis anos", destacou o portavoz da asociación, Jesús Domínguez, en declaracións a Europa Press. 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/11/2019