CRTVG

Buscar

A Audiencia Provincial da Coruña pide trece anos para un acusado de malos tratos e agresión sexual

Publicado o 05/10/2017 13:57

A Fiscalía da Coruña pide case trece anos de cadea e unha indemnización de 20.000 euros para un home acusado de maltratar a súa parella e agredila sexualmente en xuño de 2013.Na vista oral, o investigado negou os feitos. Si recoñeceu que a insultara verbalmente e a través de mensaxes de móbil, do que dixo que está moi arrepentido e pediulle perdón á vítima. Pero a súa ex-parella declarou que era maltratada psiquicamente de xeito habitual e que o acusado tamén empregaba a violencia.

A vítima e mailo acusado mantiveron unha relación sentimental durante dous anos que rompeu en xuño de 2013, cando ela presentou unha denuncia contra el.
Durante o xuízo, a muller, protexida detrás dun biombo, asegurou que o 8 de xuño de 2013, o procesado se presentou na súa casa dicíndolle que ía recoller o seu can. Malia que horas antes discutiran acaloradamente, ela abriulle a porta porque, segundo dixo, pensou que ía desculparse. Unha vez no domicidio, engadiu, comezou a berrar e a insultala á vez que rebuscaba por toda a casa por se había outro home con ela. Despois, contou que a empurrou contra o sofá do salón e que alí a agrediu sexualmente.

O investigado, que está a tratamento psiquiátrico, negou estes feitos. Si recoñeceu que discutiran e que se insultaran mutuamente. Admitiu tamén as mensaxes ameazantes e insultantes que lle mandou esa madrugada á súa parella tras discutir e pelexar con outras persoas, cando tomaban copas na zona vella de Santiago.

A Fiscalía acúsao dun delito de malos tratos habituais de carácter psíquico, outro de malo tratos de obra e outro delito de agresión sexual. Pide para el un total de doce anos e nove meses de cadea e unha indemnización de 20.000 euros.
Pola súa banda, a defensa incidiu na falta de testemuñas e na enfermidade mental que padece o acusado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/10/2017