CRTVG

Buscar

O Chicle, condenado a cinco anos de prisión polo intento de rapto de Boiro

Publicado o 30/04/2019 19:08

• Considérao culpable un delito de detención ilegal consumado e dun de agresión sexual en grao de tentativa

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña condena a José Enrique Abuín a cinco anos e un mes de cárcere polo intento de rapto dunha moza en Boiro. Ocorreu na noite de Nadal de 2017. O tribunal considérao culpable dun delito de detención ilegal, lesións e tentativa de agresión sexual.

A sentenza dá por probado que o Chicle tentou meter a moza no maleteiro para levala a outro lugar e agredila sexualmente.


Ten claro o xuíz que o móbil non era o roubo, xa que rexeitou o diñeiro que lle ofrecía a rapaza. E que só quería coller o móbil da vítima para que non puidese pedir axuda.

"O móbil non. Por favor, douche o diñeiro pero o móbil non.
-Tes tarxeta?
Non, non teño tarxeta pero teño 20 euros. Por favor, por favor, por favor....
-Se segues berrando córtote. Métete no coche e dáme o móbil.

O tribunal atribúe á "enteireza da vítima" e á axuda dos dous mozos que acudiron no seu auxilio, que o acusado fuxira do lugar do crime sen lograr o seu obxectivo.

"Só pensaba, intenta saír de aquí porque como peche o maleteiro non saees máis.
- Intentou pechar o maleteiro?
Houbo un momento que eu creo que si, que intentou pechalo".

Ademais de ir a prisión, o Chicle terá que indemnizar a vítima con máis de 11.000 euros. Ao Sergas con máis de mil e ademais deberá custear o tratamento psicolóxico que precise a moza agredida.

Na sentenza tamén hai unha reprimenda do xuíz ao fiscal. Lémbralle que só se xulgaba o Chicle polo intento de rapto de Boiro, e non polo crime de Diana Quer. O ministerio público introduciu no seu escrito referencias ao crime da moza madrileña en varias ocasións.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí