CRTVG

Buscar

A Audiencia Nacional suspende as restricións do lecer nocturno e a hostalería en Madrid

Publicado o 07/06/2021 19:03
EFE

A Audiencia Nacional suspendeu de forma cautelarísima a aplicación na Comunidade de Madrid das restricións ao lecer nocturno, a hostalería e os eventos acordadas no Consello Interterritorial de Saúde e publicadas o sábado no 'Boletín Oficial do Estado' (BOE). A Comunidade de Madrid presentou ante a Audiencia Nacional un recurso contencioso administrativo contra esas medidas e pediu a súa suspensión como medida cautelarísima (sen nin sequera escoitar a outra parte) para impedir "un dano inmediato, irreparable e incorrixible"

A Audiencia, nun auto ao que tivo acceso EFE, accede a esa petición ante "o risco de xerar situacións de incerteza e de menoscabo (que puidese ser grave) aos intereses dos afectados últimos pola decisión de impoñer restricións distintas ás xa existentes". Unha vez adoptada esa decisión, a Sala dá prazo ao Goberno central para que presente alegacións. Entón decidirá se mantén a suspensión ou reactiva as medidas.

O Ministerio de Sanidade tratará de buscar alternativas o máis consensuadas posibles coas comunidades autónomas se finalmente a xustiza tomba as restricións ao lecer nocturno e a hostalería. "O Ministerio busca consenso e trata de evitar a xudicialización do proceso; sería unha pena que vaia a depender das autoridades xudiciais porque non atopásemos alternativas suficientes", resaltou na súa habitual conferencia de prensa o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón.

Tamén Galicia avanzou este luns que presentará un conflito de competencias ante o Tribunal Constitucional por "invasión de competencias" no caso de que o Goberno non modifique a normativa sobre horarios na hostalería.

Simón explicou que todo o Ministerio, desde a parte máis técnica, tratou de "manter unha posición negociadora á hora de implementar e propoñer todas as medidas". E "practicamente todo o que se propón" se traballa antes nos relatorios e elévase á Comisión de Saúde Pública "ou se discute con múltiples actores".

Neste caso, Sanidade propuxo na Interterritorial unha declaración de actuacións coordinadas que permite a reapertura do lecer nocturno ata as 2, ampliable ata as 3, naquelas zonas que estean nos niveis máis baixos de risco.

Tamén establece un límite horario para a hostalería, que non poderá abrir máis aló da 1 nin servir máis tarde das 24 horas, e restricións de ocupación, así como outras medidas para eventos multitudinarios e prohibicións de fumar e vapear na rúa cando non se poidan gardar os 2 metros de distancia, entre outras.

A declaración saíu adiante co voto en contra de Madrid, Cataluña, Murcia, Galicia e Andalucía. Euskadi nin sequera participou no debate e Castela e León se abstivo. "Se non se poden aplicar as medidas por motivos xudiciais, buscaranse alternativas o máis consensuadas posibles", dixo o epidemiólogo, lembrando que no pasado xa se deron situacións similares na que "a posición xudicial non coincide coas propostas que saen de Saúde publica ou Sanidade". Na súa opinión, se se logra finalmente o consenso con esas alternativas que garantan a seguridade suficiente, "os riscos non serán demasiados".

Noticias web

07/06/2021