CRTVG

Buscar

A Audiencia Nacional ordena o peche das webs de Tsunami Democràtic por indicios de terrorismo

Publicado o 18/10/2019 16:23
A Audiencia Nacional ordena o peche das webs de Tsunami Democràtic por indicios de terrorismo

A Garda Civil clausurou, por orde da Audiencia Nacional, as páxinas web da iniciativa Tsunami Democràtic, desde as que se está chamando á mobilización contra a sentenza do procés. Precisamente, Anonymous colgou un pantallazo da app de Tsunami Democràtic en que se informa en catalán de que esa páxina web foi pechada por disposición da autoridade xudicial, e que se pode abrir mediante Telegram.

Fontes xurídicas indicaron que a orde partiu da Audiencia Nacional, concretamente do mesmo maxistrado que investiga a causa por terrorismo contra nove membros dos Comités de Defensa da República (CDR), sete dos cales están en prisión provisional desde finais de setembro. Con todo, as fontes consultadas non aclararon de momento se o peche da páxina e perfís de redes sociais de Tsunami Democràtic corresponde ás mesmas dilixencias ou se se trata dunha causa á parte.

O ministro do Interior en funcións, Fernando Grande-Marlaska, explicou este mesmo venres que hai avances nas investigacións sobre os "autores intelectuais" dos disturbios da última semana en cidades catalás e que Tsunami Democràtic era unha das plataformas sobre as que o seu departamento puxo o foco.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí