CRTVG

Buscar

A Audiencia Nacional investiga que pasou coa bóla do sorteo de Nadal

Publicado o 17/01/2020 17:15
A Audiencia Nacional investiga que pasou coa bóla do sorteo de Nadal

O Xulgado Central de instrución número 6 da Audiencia Nacional declarouse este venres competente para investigar o incidente da bóla do sorteo de Nadal que un operario introduciu coa man nun dos bombos, ao considerar que os feitos poderían ser constitutivos de infracción penal.

Nun auto, o maxistrado Alejandro Abascal pídelle á Sociedade Estatal de Loterías e Apostas do Estado que lle remita un informe sobre o "incidente" denunciado, que lle aclare se existe un protocolo para eses supostos e se, de ser así, foi aplicado. Reclama ademais a gravación íntegra do suceso, que foi obxecto de diversas denuncias de particulares.

Tras esas denuncias, a Fiscalía pedira ao xuíz que aclarase con Loterías o sucedido. As imaxes do operario introducindo a bóla no bombo deron lugar a todo tipo de conxecturas nas redes sociais, onde algúns usuarios chegaron a ver un intento de manipulación do sorteo. Ante a polémica, o organismo estatal de Loterías emitiu un comunicado a mesma mañá do sorteo en que dicía: "Unha das circunstancias prevista no proceso de introdución das bólas nos bombos é que algunha poida rebotar cara ao exterior". Nese caso, engadía, "o protocolo establecido indica que o operario responsable da introdución das bólas no bombo debe proceder á súa introdución manual no mesmo".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí