CRTVG

Buscar

Iñaki Urdangarin entrará en prisión antes do luns

Publicado o 14/06/2018 14:00

Iñaki Urdangarin deberá entrar no cárcere antes do próximo luns. Ese día, o 18, remata o prazo que lle deu a Audiencia de Palma elixir a prisión onde cumprirá a súa condena polo caso Nóos. Ata entón, Urdangarin pode regresar a Xenebra, onde vive coa súa familia, posto que non se lle retirou o pasaporte.

Iñaki Urdangarin recolleu en man a orde de ingreso en prisión, 24 horas despois de que o Supremo fixera firme a sentenza que o condena a cinco anos e dez meses de cárcere por prevaricación, malversación, fraude, tráfico de influencias e dous delitos fiscais.

A Audiencia de Palma dálle un prazo de cinco días para elixir o centro penitenciario onde quere cumprir a condena. Terá que ingresar como moi tarde o próximo luns. Ata entón, o cuñado do Rei pode moverse libremente, posto que o xuíz non lle retirou o pasaporte.

Urdangarin non ten maneira de eludir a prisión. Nin sequera pedindo un indulto ou amparo ao Tribunal Constitucional evitaría o encarceramento inmediato. Legalmente son os dous recursos que lle quedan, pero con poucas opcións de prosperar.

"Os argumentos son sólidos, consistentes, e creo que xa dificilmente atacables desde calquera punto de vista", di o que foi fiscal do caso Pedro Horrach.

Desde a Casa Real non houbo ningún tipo de reacción á condena do que fora duque de Palma. Dáse a circunstancia de que nin o rei Filipe nin a raíña estarán en España no momento en que entre en prisión, posto que este xoves inician unha viaxe oficial aos Estados Unidos, da que regresarán o próximo martes. Para daquela, Urdangarin xa estará no cárcere.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/06/2018