CRTVG

Buscar

A Audiencia de Ourense retira a patria potestade a un pai que "desapareceu totalmente" da vida do seu fillo

Publicado o 14/01/2020 18:13
A Audiencia de Ourense retira a patria potestade a un pai que "desapareceu totalmente" da vida do seu fillo

 A Audiencia Provincial de Ourense retirou a patria potestade a un pai polo "abandono grave e reiterado" dos seus deberes con respecto ao seu fillo, que agora ten 13 anos, e de cuxa vida "desapareceu totalmente" fai seis anos. Así o recolle a sentenza que dá a razón á nai do menor, que recorreu un fallo inicial do Xulgado de Primeira Instancia número 2 de Ourense, ante o que reclamou a retirada da patria potestade e do réxime de visitas ao pai do seu fillo polo "incumprimento grave e reiterado" dos seus deberes, por "abandono" e por falta de pagamento das pensións.

A sentenza da Audiencia Provincial considera "acreditado" a través das manifestacións das partes, da proba documental e da audiencia ao menor, que "o pai se desatendeu dos deberes inherentes á patria potestade", tanto no "aspecto emocional como no económico". Segundo o auto, desde 2011 viñéronse producindo "falta de pagamento da pensión de alimentación establecida", mentres que, desde 2016, "non abona cantidade algunha", a pesar de que consta como dado de alta na Seguridade Social.

A maiores, detecta unha "absoluta falta de asistencia emocional e afectiva" ao menor, "desaparecendo totalmente o pai da súa vida". O propio demandado "recoñece na súa declaración a inexistencia de relación co seu fillo desde fai xa seis anos", apunta o fallo, que destaca que o menor "tamén o recoñeceu, engadindo que non desexa en forma algunha manter contacto co seu pai".

A pesar das alegacións do demandado, a Audiencia indica que "o certo é que non fixo nada, mesmo legalmente acudindo a un procedemento de execución de título xudicial, para tentar recuperar a relación, do que se deduce unha auténtica falta de interese e abandono no coidado do fillo", para quen o seu pai "resulta obviamente un estraño". Estes feitos "constitúen un gravísimo incumprimento dos deberes da patria potestade", inclúe a sentenza, que non prevé que esta situación poida "reverterse" a curto prazo.

En relación ao réxime de visitas, o tribunal tamén se mostra favorable, tendo en conta que o propio menor "expresou o seu desexo de manterse afastado do seu pai e de non establecer ningún tipo de relación, ao ser xa un estraño para el cuxa presencia non pode impórselle".