CRTVG

Buscar

A Audiencia da Coruña mantén o segredo de sumario no caso do crime de Samuel

Publicado o 20/07/2021 20:24

O goberno deu o necesario primeiro paso para que Ibrahima e Magatte obteñan os permisos de residencia e traballo en España, que agora terá que tramitar a Secretaría de Estado de Migracións. A subdelegada do goberno asegurou que "asinei o informe favorable para a concesión da residencia ás dúas persoas que auxiliaron a Samuel Luiz durante a agresión mortal o pasado 3 de xullo, Ibrahima Diak e Magatte Ndyae". "Con esta medida pretendemos premiar e recoñecer os valores humanos das persoas que arriscaron as súas propias vidas para defender a Samuel".

En relación co avance das investigacións, a subdelegada do Goberno explicou que seguen as declaracións e a revisión dos móbiles. Xa son 30 as probas testificais ata o momento. Mentres a Audiencia Provincial da Coruña decretou que a investigación continue baixo segredo de sumario, tal como ordenou a maxistrada do Xulgado de Instrución. Para manter esa medida, a xuíza ten en conta a gravidade do delito principal e a pluralidade de implicados, así como a existencia de dilixencias de investigación policiais e xudiciais pendentes de práctica. Tres dos detidos pola agresión mortal a Samuel Luiz cumpriron xa dez días en prisión e completaron a corentena que marca o protocolo anticovid, polo que está previsto que comecen a convivir cos demais internos no cárcere de Teixeiro.
 

Noticias web

20/07/2021