CRTVG

Buscar

A Audiencia da Coruña distribúe 57 millóns consignados polo Prestige

Publicado o 27/11/2019 09:00
A Audiencia da Coruña distribúe 57 millóns consignados polo Prestige

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña emitiu unha providencia en que acorda distribuír 51,7 millóns de euros depositados no órgano xudicial entre os 265 afectados pola catástrofe do petroleiro Prestige.

Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia informan este martes nun comunicado desta decisión da Audiencia coruñesa de repartir a devandita cantidade, da que 27.199.464 euros foron depositados polo FIDAC.

O resto, 24.542.570 euros, proceden na súa maioría (22,7 millóns) da aseguradora do buque, The  London Steamship Owners Mutual Insurance Association (The London P&I CLUB) e da venda do fuel recuperado do petroleiro.

Os fondos repartiranse proporcionalmente, engaden as fontes, segundo as indemnizacións recoñecidas, entre o Estado español como principal prexudicado, que recibirá 40.671.748 euros; o francés (9.265.515 euros), a Xunta de Galicia (202.472 euros) e outros 262 afectados pola vertedura que son particulares, empresas, mancomunidades, concellos e sociedades.

A Audiencia estableceu o principal de execución de sentenza en 1.441.562.943, sen contar os 392.923.977 de intereses moratorios, 87.144.811 de intereses procesuais e 573.797.973 de intereses, custas e gastos de execución.

O pasado 1 de marzo, a Audiencia da Coruña notificou unha resolución xudicial en que ordenaba aos condenados na sentenza polo afundimento do petroleiro Prestige o pago de 2.500 millóns de euros, segundo as cantidades fixadas no ditame.

Estableceu unha contía "sen limitación" para o capitán do buque, Apostolos Mangouras, como responsable civil principal, e para a propietaria do barco, Mare Shipping Inc., como responsable civil subsidiaria.

Para a aseguradora The London Steamship Owners Mutual Insurance Association (The London P&I CLUB) fixou un límite de 855.493.575 euros, descontada a cantidade de 22.777.986 euros consignada.

Pola súa banda, para o Fondo Internacional de Indemnización de Danos Debidos a Contaminación por Hidrocarburos 1992 marcou o límite en 27.986.264 euros, descontadas as sumas xa abonadas aos prexudicados e que ascendían a 120.738.452 euros.

Este caso comezou a súa instrución en 2003 no Xulgado de Corcubión, tarefa que se prolongou durante oito anos antes de pasar á Audiencia Provincial coruñesa en 2011, aínda que non foi ata outubro de 2012 cando se iniciou a vista oral.

O xuízo quedou visto para sentenza despois de oito meses, 400 horas en 89 sesións e 204 declaracións de testemuñas e peritos, e xusto once anos despois do accidente, o 13 de novembro de 2013, o tribunal ditou a sentenza, que foi recorrida.

Unha vez determinada a responsabilidade por esta catástrofe ambiental, a Audiencia da Coruña cuantificou a responsabilidade civil polos danos causados pola marea negra do petroleiro Prestige, unha tarefa complexa con máis de mil prexudicados.