A Audiencia da Coruña condena un home a 15 anos de prisión por abusar de dúas sobriñas

A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña condenou a 15 anos de cárcere e a oito de liberdade vixiada un home que abusou sexualmente de dúas sobriñas cando eran menores de idade.
O tribunal tamén lle impón a inhabilitación para calquera oficio ou profesión que leve contacto regular e directo con menores durante oito anos.
Segundo a sentenza, o condenado como autor criminalmente responsable de dous delitos continuados de abusos sexuais tampouco poderá aproximarse nin comunicarse coas vítimas durante sete e cinco anos, respectivamente.
Os maxistrados explican no ditame que o condenado "tiña unha relación estreita coas súas sobriñas, que adoitaban acudir a reunións familiares na súa casa e pasaban alí tardes e noites como consecuencia das obrigacións laborais dos seus pais".
A Audiencia considera acreditado que cando a sobriña maior fixo nove anos comezou a abusar dela. "Feitos similares ocorreron en numerosas ocasións ao longo de dous anos, cando o acusado estaba na casa e non embarcado", indican os xuíces, quen subliñan que lle dicía á nena "que o que estaban a facer era normal, que ás súas amigas tamén llo facían, que todas pasaban por iso".
Cando a menor tiña uns 11 anos, segundo consta na sentenza, "tomou conciencia do alcance deses feitos, negouse a que o seu tío a tocase e evitou as ocasións en que puidese volver facelo".
O investigado tamén abusou da irmá pequena da vítima desde que tiña oito anos. "Ao facer os 11 anos, comezou a evitar ao seu tío. Este insistíalle para que accedese ás súas peticións, ofrecéndolle unha recompensa e comprarlle algo que lle gustase, requirimentos e ofertas que se repetiron en anos posteriores", sinalan os maxistrados.
Por iso, foi condenado en concreto pola comisión dun delito continuado de abusos sexuais con introdución de membros corporais á pena 12 anos de cárcere e por un delito continuado de abusos sexuais, a outro tres.
A Audiencia, na sentenza, concreta a pena de prohibición de comunicarse por calquera medio e de aproximarse a menos de 300 metros de ambas as sobriñas, do seu domicilio e centro de estudos por un tempo de sete anos respecto dunha e de cinco da outra.
Ademais, impónselle a medida de liberdade vixiada durante oito anos e en concepto de responsabilidade civil o condenado deberá indemnizar as vítimas coa cantidade de 30.000 euros nun caso e de 40.000 euros no outro.