CRTVG

Buscar

A Audiencia da Coruña arquiva a causa penal contra a edil de Marea Atlántica Claudia Delso

Publicado o 01/06/2020 18:46
A Audiencia da Coruña arquiva a causa penal contra a edil de Marea Atlántica Claudia Delso

A Audiencia Provincial da Coruña arquivou a causa penal contra a concelleira de Marea Atlántica Claudia Delso, tras a querela presentada pola edil do PP Rosa Gallego pola concesión da xestión do antigo cárcere provincial a Proxecto Cárcere. Desestima o recurso de apelación interposto pola representación procesual de Rosa Gallego contra o auto do 20 de decembro de 2019 ditado polo Xulgado de Instrución número oito da Coruña e confirma a resolución do mesmo, que acordou o arquivo das actuacións por suposta prevaricación administrativa.

No auto, a xuíza sostivo que non resultou "debidamente xustificada a perpetración do delito" que deu motivo á apertura dunhas dilixencias tras unha denuncia remitida por Fiscalía en base, á súa vez, á realizada ante o Ministerio Público polos populares. Na súa resolución, contra a que non cabe recurso ordinario, a Audiencia coruñesa coincide coa xuíza en "que non se pode falar de prevaricación no convenio" para a formalización da cesión.

"É certo que no proceso descrito puideron existir irregularidades administrativas, tal e como pon de manifesto a fiscala, o que será resolto na xurisdición contencioso-administrativa", sinala en relación á demanda presentada tamén polos populares.