CRTVG

Buscar

A Audiencia condena a catro anos e sete meses de cárcere un garda civil de Lugo por maltratar a súa parella

Publicado o 31/03/2020 17:24
A Audiencia condena a catro anos e sete meses de cárcere un garda civil de Lugo por maltratar a súa parella

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou un garda civil a catro anos e sete meses de cárcere e a seis anos de inhabilitación por cometer un delito de malos tratos e outro de violencia habitual, así como un delito continuado de ameazas e outro de descubrimento e revelación de segredos.

O tribunal tivo en conta á hora de ditar a pena a agravante de parentesco e as atenuantes de reparación do dano e de dilacións indebidas. Ademais, impúxolle seis anos de privación do dereito á tenencia e porte de armas e a prohibición de comunicarse por calquera medio e aproximarse á vítima durante doce anos. 

Os maxistrados indican na sentenza que o acusado e a denunciante mantiveron unha relación sentimental que durou meses, ata finais de setembro de 2015. Antes desa data, cando aínda eran parella e se atopaban no interior dun vehículo oficial da Garda Civil, durante unha discusión, o investigado tiroulle do pelo e propinoulle unha puñada na perna esquerda, causándolle un negrón. A raíz da agresión, a muller decidiu poñer fin á relación.

Os xuíces destacan que, desde a ruptura, o acusado envioulle múltiples mensaxes ao seu móbil "con ánimo de infundir medo". Ademais, desde o 17 de xullo de 2015 ata o 16 de xullo de 2016, facendo uso do contrasinal que tiña polo seu posto de traballo, accedeu ás bases de datos da Garda Civil, entre elas á da DXT, hospedaxes, pasaxeiros ou navieiras, "co fin de obter información persoal da afectada".

O tribunal salienta que á Garda Civil non lle consta que a denunciante "estea ou estivese relacionada en investigación policial ou xestión algunha que xustifique as consultas efectuadas". Os xuíces destacan que os datos aos cales tivo acceso o acusado son "reservados de carácter persoal". 

A Audiencia argumenta que o condenado cometeu o delito de malos tratos sobre parella sentimental cando a agrediu dentro do coche, mentres que o de ameazas se produciu "pola multiplicidade de mensaxes que lle remitiu, nos que, ademais de grosarías, improperios, insultos múltiples e fanfurriñeirías, figuran ameazas explícitas". 

Os maxistrados sosteñen que no caso concorre unha "situación de violencia habitual", pois existe "un acto de agresión física acreditado e continuidade nas ameazas do acusado respecto á denunciante, capaces de xerar nela temor e desasosego".

Os xuíces indican que as ameazas se viron "reforzadas pola utilización de datos da muller sabidos ao acceder ás bases oficiais da Garda Civil". Así, poñen como exemplo cando o condenado lle dixo por mensaxe que sabía onde se hospedaba. "Obviamente, houbo de xerar maior temor e desasosego nela", sinala o tribunal.