A atención persoal, básica contra o alzhéimer, din no I Encontro Mundial de Médicos Galegos
O futuro e máis que nada o presente da medicina pasa pola atención personalizada, moito máis se falamos de padecementos como o alzhéimer, onde os coidados directos do doente por parte do médico influirán directamente na súa evolución.
Ángel M. Carracedo Álvarez, catedrático de Medicina Legal da USC, explica que "non hai un alzhéimer, hai moitos alzhéimeres. E da man da xenómica estamos sendo quen de dividir o alzhéimer en tipos distintos, para entender as súas causas, para despois podelas tratar de forma personalizada cada unha delas. Porque non vai haber unha panacea que cure todo o alzhéimer. Hai que entendelo e subdividilo. Podemos progresar moito tecnolóxicamente en biomarcadores xenómicos, descubrir novos fármacos, pero ao final o médico que colla un paciente da man, que lle explique, que teña paciencia, que lle dea agarimo; iso vai ser sempre para min o máis importante".
Felipe Couñago Lorenzo, xefe asociado do Servizo de Oncoloxía Radioterápica do hospital Quirón en Madrid, fala de que "con pacientes moi fráxiles, pacientes vulnerables, familias que o pasan moi mal, é esencial que o médico saiba entender todas estas peculiaridades, facer que os pacientes se sintan confortables, que a relación médico paciente non se perda polos avances tecnolóxicos. O paciente ten que sentir que ten unha persoa que o comprende, que o entende, que o apoia".
Galicia avanza á cabeza na humanización e na personalización das atencións médicas, pero quedan retos. Carracedo incide en que "a xenómica si que ten un papel fundamental, porque somos sempre xenes e ambiente nas nosas enfermidades. Reaccionamos distinto uns e outros aos fármacos. Somos bastante bos na traslación á práctica clínica, dos mellores de España. Fáltanos un gran proxecto xenómico". Couñago, pola súa parte, lembra que "na multidisciplinariedade en medicina hai anos que estamos con iso e este encontro é un claro exemplo".
O primeiro Encontro Mundial de Médicos Galegos, que se celebra en Santiago, aborda, entre outras, a función da xenética e da bioloxía de sistemas co obxectivo de mellorar na loita contra esta e outras enfermidades, ademais dos beneficios da interrelación entre todos os profesionais da medicina, para avanzar máis rápido.