CRTVG

Buscar

A Asociación Zendal recrea a partida da Expedición Balmis

Publicado o 09/06/2019 13:35

A comezos do século XIX a expedición Balmis levou a vacina da varíola desde A Coruña ás colonias españolas en América. Foi unha misión humanitaria sen precedentes, unha fazaña científica posible grazas aos vinte e dous nenos que levaron o remedio inoculado nos seus corpos. Cúmprense douscentos anos da morte do doutor Balmis, unha ocasión perfecta para recrear a partida daquela expedición que cambiaría a historia.

A expedición Balmis partiu do porto da Coruña o 30 de novembro de 1803 para levar o remedio contra a varíola aos territorios españois de ultramar. A bordo da corveta María Pita viaxaban 22 nenos orfos, inoculados coa vacina que salvaría centos de miles de vidas. Ao seu coidado ía unha muller, a ordense Isabel Zendal.

Sinda Cundíns é profesora do CEIP Labarta Pose: "Tiña que ser unha persoa moi competente para poder chegar a América co nenos con mareos, con febre... Eu creo que foi unha figura impresicindible na Expedición Filantrópica da Vacina." A súa alumna Elsa Paredes conta que "cando Sinda me dixo que ía facer de Isabel Zendal emocioneime porque tiña moitas gañas. Aprendín o papel rapidísimo porque me facía moitítisma ilusión."

Sinda e os seus alumnos do colexio Labarta Pose de Baio participaron nesta escenificación da partida da expedición filantrópica da vacina, que promoveu a asociación Isabel Zendal con motivo do bicentenario da morte do doutor Francisco Xavier Balmis. 

Pilar Farjas preside a Asociación Isabel Zendal: "Foi a primeira enfermidade que conseguimios erradicar. Agora temos un calendario de vacinacións que permite previr enfermidades mortais, graves ou de moita incidencia. Lembrar a conquista que acadamos co descubrimento das vacinas e lembrar que hoxe é moi importante seguir vacinando a todos os nenos."

Foi a primeira expedición humanitaria global da historia, unha fazaña científica que a asociación Isabel Zendal quere axudar a difundir. Na recreación participaron dúas goletas e o patrulleiro da Armada Centinela, con base no porto de Ferrol.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/06/2019