A asociación Vacaloura estrea refuxio para animais maltratados en Arzúa
En só tres semanas, a asociación Vacaloura Santuario Animal conseguiu os cartos necesarios para lles dar un novo fogar aos máis de 250 animais que rescataron de situacións de malos tratos e abandono. Recorreron ás microdoazóns, cunha campaña a través das redes sociais, e xuntaron 50.000 euros para mercar unha parcela en Arzúa.
Xavi, unha vítima dos incendios do Xurés, que atoparon hai 4 anos extraviado nunha cuneta aos poucos días de nacer, será un dos inquilinos das novas instalacións do Santuario Vacaloura. Canda el, outros 250 animais, de especies variadas, pero con historias igual de dramáticas.
Inés Trillo Guerra, cofundadora do Santuario Animal Vacaloura: "Algúns veñen de granxas onde estaban sendo maltratados, como unha cabra que veu de Huesca, dunha explotación con máis de 350 cabras das que 300 estaban mortas e as demais sobrevivían entre os cadáveres...".
Despois de sete anos nestas instalacións de alugueiro, ás aforas de Santiago, os fundadores de Vacaloura pensaron que chegara o tempo de dar un paso máis. Atoparon o lugar ideal en Arzúa. Un terreo de catro hectáreas e media.
"Que ten árbores froiteiras que lles van dar alimentación aos animais, árbores frondosas que lles van dar sombra... zona de pastos, unha pequena construción para os animais. E o mellor é que vai ser para sempre, que non é un alugueiro que en calquera momento se pode acabar o contrato", explica Inés.
Pagaron a fianza, 5.000 euros, e iniciaron a campaña Un corazón para Vacaloura, para lograr os cartos restantes. En tres semanas xuntaron o necesario.
"Sabemos que estamos nun momento complicado, pola crise da covid-19. Pediamos un corazón de dez mil persoas, cada corazón cun valor simbólico de 5 euros, e con iso, doazóns de pequenas empresas, asociacións e colectivos conseguimos chegar á meta".
É só o principio. Seguen coa campaña porque agora toca facer obras nas novas instalacións e unha aparatosa mudanza con 250 traslados domiciliarios.