CRTVG

Buscar

A asociación de troiteiros do río Furelos agarda unha boa temporada de pesca

Publicado o 12/03/2020 20:24

O río Furelos xa esta preparado para o comezo da campaña de pesca. Neste couto está previsto o inicio da temporada este próximo domingo. Na asociación de troiteiros do río Furelos de Melide traballan para que todo estea a punto

"A fin de semana pasada démoslle unha pasada ao río, máis ou menos o 50 ou 60 por cento. E este venres, mañá ou pasado mañá dermos outra batida e quedaría todo máis ou menos listo para a temporada de pesca", di Iván Bruzos.

Os permisos de pesca neste couto, un dos máis demandados da provincia coruñesa, están practicamente esgotados para este mes. En canto ás previsións, de cara á nova campaña, agárdase que as abundantes precipitacións do inverno propicien uns bos resultados

"Debido á chuvia, o río levou un caudal bastante bo, non foi excesiva porque as augas baixaron moi ben, exceptuando este último temporal, eu creo que foi un ano de cría moi bo. O ano pasado non foi malo tampouco, tivemos unha campaña medianamente boa, para como están os ríos en xeral, non só o Furelos, e pensamos que pode ser unha boa campaña troiteira", apunta Iván Bruzos.

A temporada xeral estenderase ata finais do mes de xullo, deixando paso a un segundo período destinado a pesca sen morte, que rematará o 30 de setembro.

Noticias web

12/03/2020