CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

A Asociación de Pais e Nais Separados recolleu 12.000 sinaturas para promover unha lei de custodia compartida

Publicado o 02/05/2017 21:23

A Asociación Galega de Pais e Nais Separados leva recollidas máis de 12.000 sinaturas para pedir que se debata no Parlamento galego unha lei de corresponsabilidade parental. A coñecida como custodia compartida xa está implantada en catro comunidades españolas.

Os xuíces optan cada vez máis pola fórmula da custodia compartida. En Galicia, medrou un 60 por cento nos últimos tres anos, malia o baleiro legal que hai na materia.

"Non temos unha normativa específica distinta á do conxunto do Estado, e a lexislación segue contemplando a custodia compartida como unha fórmula excepcional", di Abel Lamas.

A Asociación de Pais e Nais Separados presentou no Parlamento unha iniciativa lexislativa popular para promover unha lei propia. Varios colectivos apoian a norma. Os expertos din que desde o punto de vista científico a custodia compartida é o resultado normal tras un divorcio.

"Nunha situación de ruptura da parella, sempre debe prevalecer a familia. Aínda que a parella se rompa, o rol de pai e de nai debe continuar toda a vida", di Dolores Seijo.

Os xuristas recoñecen que cada caso é particular, e que hai que facerlle un traxe a medida. En Galicia hai servizos de mediación xudicial e extraxudicial para axudar as familias a resolver as separacións co mellor resultado para os fillos.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

02/05/2017