CRTVG

Buscar

Persoas con discapacidade realizan unha andaina polo Camiño Portugués coa Policía Nacional

Publicado o 21/09/2021 14:03

Membros da asociación de discapacitados do centro Méndez Núñez de Pontevedra e axentes da comisaría da Policía Nacional da cidade citáronse na praza da Peregrina para facer un treito do Camiño Portugués a Santiago. Antes de emprender a marcha, hai que selar as credenciais. Van facer unha pequena etapa adaptada ás posibilidades de todos: uns cinco quilómetros que separan o centro de Pontevedra da parroquia de Alba.

Mª Luísa Dónega, directora do centro de discapacitados intelectuais Méndez Núñez: "Nós estamos namorados do Camiño, xa o fixemos todo ou algunha etapa e agora propúxonolo a Policía no proxecto 'Protexe o Camiño' e a nós gustounos e participamos porque as vivencias que dá o Camiño son extraordinarias".

O proxecto 'Protexemos os Camiños' é unha iniciativa da Policía Nacional neste ano xubilar de 2020-2021. Trátase de previr os delitos contra as mulleres que peregrinan soas e tamén de fomentar as actividades conxuntas con colectivos de cidadáns vulnerables. 

Estíbaliz Palma, comisaria da Policía Nacional en Pontevedra: "Que sempre teñan de referencia a Policía, que é moi importante en grupos de nenos pequenos e neste perfil de persoas que teñan a Policía como moi próxima e que nos consideren amigos".

Tras unha hora escasa de andaina, o percorrido remata nas inmediacións da igrexa parroquial de Alba. É o momento de repoñer forzas. A volta será máis doada, a bordo dos coches patrulla.




 

Noticias web

21/09/2021