CRTVG

Buscar

A Revista

A asociación de criadores de Rubia Galega medrou en 2015

Publicado o 21/12/2015 13:16

A raza rubia galega vai a máis, e medra sobre todo fóra. Facemos balance deste 2015 coa asociación de criadores Acruga, que ten xa máis de 40.000 animais censados e perspectivas de abrir un importantísimo mercado para estender esta raza en Asia.

Corenta explotacións déronse de alta este ano en Acruga, a Asociación de Criadores de Rubia Galega, que chega así case ás dúas mil explotacións inscritas. Van pechar este 2015 cun balance positivo, e din que cada vez son máis os gandeiros que apostan por esta raza. Ben sexa polas novas incorporacións á actividade agraria, polos que cambian do leite á carne ou porque vai medrando o número de cabezas por explotación, hoxe Acruga ten unha demanda constante de animais, ás veces máis da que dan atendido.

Tamén vai a máis a demanda de doses de seme de rubio. Este ano Acruga vendeu case 250.000 doses, máis da metade no estranxeiro. A raza rubia está estendéndose así polo Uruguai ou Polonia pero, sobre todo, está consolidada no Brasil. Hai quince anos que comezaron a vender alí as primeiras doses dos sementais que teñen en Xenética Fontao, e neste 2015 xa enviaron arredor de 100.000. Esa experiencia vai abrir agora un novo mercado en Asia. Á vista dos resultados no Brasil, a rubia galega vai ser a única raza de carne autorizada en Indonesia para o cruzamento industrial.

Os importadores indonesios visitaron dúas veces Galicia, e xa deron o visto e prace ao protocolo hixiénico sanitario de Xenética Fontao como centro produtor das doses. Coa rubia van gañar en precocidade, rebaixando case á metade o momento do sacrificio, e mellorarán rendemento cárnico e a calidade. Cando se completen os trámites, van enviarlles unhas 15.000 doses para que comecen as probas pero, se funciona ben, o potencial de mercado é enorme.

En Acruga teñen dúas liñas de selección, unha para os gandeiros que queren facer cruzamento industrial, e outra para os que traballan coa raza pura, que queren capas máis claras, pouco peso ao nacemento e boas ganancias cárnicas. Este touro Farruco é dos máis demandados e, se todo vai ben, o ano que vén a súa xenética pode comezar a estenderse por Indonesia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

A Revista

21/12/2015