CRTVG

Buscar

A Asemblea venezolana baralla aplicar o artigo 233 para desaloxar a Maduro do poder

Publicado o 11/01/2019 08:18

Juan Guaidó, o presidente da Asemblea venezolana, chegou a facer nas últimas horas un chamamento ás Forzas Armadas para que, dixo, fagan valer a Constitución. "Nicolás, gáñase con votos, non con ferrollos, e por iso non es lexítimo, disfráceste como te disfraces", declarou.

O país, dividido, afronta o debate de se Asemblea Nacional debe aplicar ou non o artigo 233 para que o Parlamento asuma o poder e convoque eleccións. Unha opción que conta con máis apoios tras a resolución da Organización de Estados Americanos (OEA) que insta os seus membros a non recoñecer a lexitimidade deste período de mandato de Maduro, que se abría onte coa toma de posesión.

Iván Duque, presidente de Colombia, expresou o desexo de "que todos os países do hemisferio que defendemos a democracia nos unamos nunha soa voz para protexer a Asemblea Nacional". Unha asemblea de maioría opositora que foi declarada en rebeldía por Maduro. O presidente de Bolivia, Evo Morales, criticou a resolución da OEA, mentres Maduro declara que "o mundo é maior ca os Estados Unidos e os seus satélites".

Nicolás Maduro, presidente de Venezuela, responde: "Non podemos aforrar os cualificativos para unha dereita como a venezolana que xa infectou co seu fascismo, a súa intolerencia e o seu extremismo a dereita americana e caribeña, como se infectou O Brasil".

No seu discurso, Maduro apelou ao apoio do Mexicano López Obrador, aínda que México só enviou á toma de posesión un encargado de negocios da embaixada. Non enviaron delegación nin os Estados Unidos nin os membros da Unión Europea, nun acto ao que só acudiron seis xefes de Estado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/01/2019