CRTVG

Buscar

A Asemblea Nacional venezolana aproba a lei de transición para celebrar eleccións

Publicado o 06/02/2019 09:00

En Venezuela, a axuda humanitaria segue a ser punto de enfrontamento. O presidente Maduro considéraa unha medida de caridade que o pobo non precisa e unha agresión do Goberno Trump. Para Guaidó, esa axuda é imprescindible para garantir a supervivencia de 300.000 venezolanos. A Asemblea Nacional que preside aprobou onte a lei de transición coa que pretende celebrar eleccións. 

Todo está preparado na fronteira entre Venezuela e Colombia para recibir a axuda humanitaria enviada polos Estados Unidos. Alimentos, medicamentos e produtos de primeira necesidade. Os países limítrofes, os europeos e O Canadá tamén anunciaron o envío de axuda de urxencia. Pero para garantir a súa entrada e distribución é imprescindible que as forzas armadas venezolanas non o impidan.

O secretario xeral da ONU, Antonio Guterres, anunciaba nas últimas horas que as Nacións Unidas non van sumarse a ningunha das iniciativas propostas por distintos países e por manter a súa propia oferta de mediación ao Goberno venezolano e á oposición.

O Papa tamén respondía onte á carta que lle enviou Maduro para que mediase na crise. Dixo que só aceptaría mediar se o piden ambas partes.

Italia aínda non se postulou ante a crise de Venezuela. Onte, o ministro do Interior, Matteo Salvini, chamáballe delincuente a Maduro, di que é un dos últimos ditadores e que debe irse.

A Asemblea Nacional aprobaba coa maioría antichavista a lei do estatuto que rexe a transición, que dispón a duración dun Goberno transitorio e as súas competencias políticas e económicas.

"Cando cese a usurpación, e haxa un goberno de transición, iso ten que ir acompañado de seguridade xurídica", dixo Guaidó.

Máis países seguen, con todo, protestando contra o que chaman intervencionismo americano. Onte, na Arxentina, organizacións sociais, sindicais e políticas de esquerda manifestáronse nas rúas de Bos Aires para protestar contra a inxerencia de Washington en Venezuela.

O presidente Trump referíase á situación en Venezuela durante o seu discurso do Estado da Unión.

"Condenamos a brutalidade do réxime de Maduro. As súas políticas socialistas converteron a nación, que era unha das máis ricas de Sudamérica, nun estado de pobreza e desesperación abxecta", dixo.

Entre aplausos dos seus, Trump aseverou que os Estados Unidos xamais será un país socialista.

Noticias web

06/02/2019