CRTVG

Buscar

A Arxentina vive o segundo paro nacional en repulsa dos despedimentos a funcionarios

Publicado o 16/02/2018 08:55

A Arxentina viviu este xoves o segundo paro nacional do ano en repulsa dos máis de 3.000 despidos a funcionarios do Goberno das últimas semanas. Centos de persoas concentráronse fronte á Casa Rosada, en Bos Aires, para reclamar a súa reincorporación e pedir que paren os recortes. 

As rúas de Bos Aires están ateigadas de xente en apoio á folga xeral convocada polos traballadores estatais contra o deterioro dos seus salarios e os despidos masivos que impulsou o Goberno de Mauricio Macri. Sindicatos e organizacións políticas e sociais de esquerdas aseguran que o axuste vai máis aló de tentar reducir o déficit fiscal e lastra o sector cultural e científico especialmente. 

Os manifestantes cortaron os principais accesos á cidade de Bos Aires e mobilizáronse nas capitais provinciais do país ante a onda de despidos impulsada polo Estado.

Fronte á Casa Rosada, centos de persoas esixiron tamén a derrogación da reforma das pensións aprobada en decembro entre importantes disturbios, que paralice a reforma laboral e sancione unha lei de emerxencia alimentaria que axude os sectores máis desfavorecidos.

A vindeira semana, a maior central obreira do país porá a proba a resistencia do Executivo arxentino e a súa aposta pola austeridade cun novo paro. 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/02/2018