CRTVG

Buscar

A Arxentina reclama a fin da impunidade ante os crimes machistas

Publicado o 06/12/2018 16:48

Segunda Folga Nacional de Mulleres na Arxentina en memoria da moza de 16 anos Lucía Pérez. O seu caso conmocionara o país no 2016, despois de que a fiscal contara que a menor fora drogada, violada e empalada brutalmente ata a morte. Agora, a xustiza arxentina di que non foi un feminicidio e miles de mulleres volveron saír ás rúas para pedir a fin da impunidade.

A Arxentina volveu berrar "Nin unha menos" e "Vivas nos queremos". Miles de mulleres percorreron o centro da cidade de Bos Aires dende os Tribunais ata a praza de Maio reclamando xustiza. Para Lucía Pérez e para todas as vítimas, despois da controvertida sentenza que absolveu de violación e asasinato os únicos tres imputados do caso. O escrito do xuíz alega que polo forte carácter da moza de 16 anos esta non podía ser abusada sexualmente.

O polémico ditame sinala que a moza tivo relacións consentidas cun dos acusados e que faleceu dunha sobredose, polo que só condenou os imputados por venderlle droga á menor.
A familia, por contra, sostén que as probas foron manipuladas e cualificou os xuíces de seren uns vellos retrógrados e descoñecer o que é a violencia de xénero.

Marta Montero, nai de Lucía Pérez: "Aos peritos da Suprema Corte mercáronos, así de simple. A miña filla foi violada post mortem, violárona ata matala, drogárona ata matala".

As masivas mobilizacións repetíronse en diferentes cidades da Arxentina. Todas pedían a fin da impunidade para que deixe de haber máis Lucías nun país que rexistra, cando menos, unha muller asasinada cada 32 horas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/12/2018