CRTVG

Buscar

A Arxentina limita o reparto de dividendos e a oposición fala de "quebra encuberta"

Publicado o 31/08/2019 08:48
A Arxentina limita o reparto de dividendos e a oposición fala de "quebra encuberta"

As entidades financeiras arxentinas terán que contar cunha autorización do banco central do seu país para distribuír dividendos co fin de garantir a liquidez do sistema, informou hoxe esta institución. "As entidades financeiras deberán contar coa autorización previa do Banco Central da República Arxentina para a distribución dos seus resultados", reza o comunicado do BCRA destinado ás entidades financeiras.

A nova normativa difundiuse ao peche dunha semana de turbulencias financeiras, na que o Goberno anunciou, o mércores, que buscaría postergar os vencementos de pagos da débeda. En só tres semanas, A Arxentina perdeu algo máis de 10.000 millóns de dólares de reservas, que roldan os 56.000 millóns de dólares, unha sangría que en parte se explica polas divisas inxectadas polo Banco Central ao mercado para tratar de estabilizar o tipo de cambio. O BCRA aclarou, unha vez difundida a comunicación, que a medida "garante que se manteña a liquidez do sistema, para que os depositantes poidan facerse coa liquidez que demanden", informou a axencia estatal de noticias Télam. Ademais, puntualizou que dita iniciativa só aplicarase "ás entidades financeiras" e "non a outro tipo de empresa".

A oposición fala dunha quebra encuberta

O candidato opositor á presidencia da Arxentina Alberto Fernández asegurou hoxe que o seu país entrou en "default virtual", do que culpou ao Goberno de Mauricio Macri e ao Fondo Monetario Internacional (FMI). "Agora non hai ninguén tomando débeda arxentina nin ninguén que poida pagala. Arxentina está en default virtual, encuberto", dixo Fernández, do peronista Fronte de Todos, nunha entrevista con The Wall Street Journal (WSJ). Fernández converteuse no favorito para gañar os comicios do 27 de outubro tras obter un 47,78 % dos votos nas eleccións primarias celebradas hai tres semanas, nas que avantaxou por máis de catro millóns de votos (31,80 %) ao conservador Macri, que busca a reelección.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí