CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

A Arxentina lembra a chegada á presidencia de Raúl Alfonsín, un político de ascendencia galega

Publicado o 26/12/2016 21:36

O presidente arxentino, Mauricio Macri, destituíu hoxe o seu ministro de Facenda e Finanzas, Prat-Gay, e dividiu as dúas carteiras que dirixía. Había diferenzas na toma de decisións. Pero A Arxentina é tamén noticia hoxe porque recorda o político de ascendencia galega, Raúl Alfonsín, cando se cumpren 33 anos da súa asunción como presidente do país austral. O seu mandato marcou o inicio da democracia logo de sete anos de ditadura.

Hai 33 anos A Arxentina poñía fin a case unha década de ditadura militar. Un cambio de era que deu comezo á democracia da man de quen fora electo presidente en 1983, Raúl Alfonsín. Con el voltaba tamén a esperanza dunha Arxentina libre.

"Foi un presidente importante, moi democrático, boa persoa, honesto para o meu entender e non son radical", di Carlos Blaksley. "É o único presidente que marchou coa fronte alta", engade Norma Solís

Fillo de galegos, de Ribadumia, Alfonsín liderou a transición arxentina ao lado da xente e soubo consolidar a democracia da República nun contexto difícil.

"O seu principal obxectivo de Goberno cumpriuno, e foi que hoxe poidamos estar celebrando ter vivido 33 años en democracia y que haxa unha xeración como a miña que nacemos e fomos criados en democracia. E penso que iso é o que a sociedade máis valora de Alfonsín", sinala o seu neto Francisco Alfonsín.

Durante o seu mandato Galicia estivo sempre presente. Visitouna en varias ocasións, recibiu homenaxes e estivo xunto á colectividade galega de Bos Aires."Muchos dicen que Alfonsín era el primer presidente gallego y no era en España si no en Argentina", salienta Francisco.

Nesta data sinalada son moitos os arxentinos que se achegan a render tributo a quen consideran como o pai da democracia moderna no país.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

26/12/2016