CRTVG

Buscar

A Arxentina comproba os efectos da combinación de vacinas

Publicado o 07/07/2021 21:24

Na Arxentina, a cidade de Bos Aires anunciou un estudo de combinación de diferentes vacinas contra a covid-19, unha decisión motivada pola escasez do segundo componente da vacina rusa Sputnik V. 

Durante os próximos días, o Hospital Muñiz de Bos Aires acollerá o primeiro estudo de combinación de vacinas da Arxentina, nun momento de moita preocupación pola irrupción no país suramericano da variante delta. Máis de 200 persoas participarán no primeiro ensaio de combinación de vacinas en Bos Aires.

O estudo durará tres semanas e constará de tres esquemas de vacinación diferentes: dúas doses da Sputnik V, unha dose da Sputnik V e outra da AstraZeneca ou unha primeira da Sputnik e unha segunda de Sinopharm.

O propósito do proxecto é comprobar se os sistemas heterólogos de vacinación ofrecen a mesma protección que os homólogos, unha posibilidade que os expertos ven moi probable. 

Fernan Quirós, ministro de Saúde de Bos Aires, afirma que van "facer este estudo que poida documentar a seguridade e a eficacia da combinación de vacinas para ter máis alternativas e que non haxa ningún problema con ningún porteño e as súas necesidades de completar as doses de vacinas".

Polo momento, a Arxentina inmunizou con dúas doses a 4 millóns e medio de persoas, un 10 % da poboación.
 

Noticias web

07/07/2021