CRTVG

Buscar

A Arxentina aposta por profesionalizar o fútbol feminino

Publicado o 07/04/2019 15:05

A Asociación do Fútbol Arxentino deu o primeiro paso para crear a Liga Profesional de Fútbol Feminino, a segunda deste tipo en América do Sur. E faino, ademais, cun marco legal claro, con inxección de capital para os clubs e a creación dun centro de alto rendemento para as xogadoras.

A FIFA deulles ás asociacións membro ata 2022 para potenciar o fútbol feminino e A Arxentina non quixo quedar atrás. En xuño inaugura a Liga de Fútbol Profesional Feminino con 16 clubs comprometidos a mellorar as condicións das xogadoras, que ata o de agora debían autofinanciarse en moitos casos.

Claudio 'Chiqui' Tapia, presidente da Asociación do Fútbol Arxentino: "Para todo isto, e poder desenvolver este torneo profesional que vai ser o próximo feminino, a asociación do fútbol arxentino vai acompañar todas as organizacións con 120.000 pesos".

Uns 2.500 euros ao mes destinados a pagar os oito contratos que lles exixe o novo convenio a cada equipo. Un fito que as futbolistas valoran despois de moitos reclamos, pero din que aínda falta moito.

Macarena Sánchez, xogadora de fútbol: "Paréceme que oito ou once contratos é unha semiprofesionalización, van quedar moitas rapazas sen contratos, aínda non hai proxecto serio de divisións inferiores. Moitas rapazas queren ingresar e non poden porque os clubs non teñen espazos para mulleres. Quedaron moitos interrogantes pero foi un primeiro paso importante e creo que non hai volta atrás".

Ela é a cara máis visible desta loita. Hai uns meses intimou o seu club e a AFA para que a recoñecesen como traballadora do deporte, no canto diso, quedou sen equipo a metade de tempada.
Agora, co acordo da profesionalización asinado, di que xa non hai volta atrás.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/04/2019