CRTVG

Buscar

A Arxentina amplía as restricións ante o avance da covid-19 no país

Publicado o 28/10/2020 21:21

Na Arxentina, o Goberno nacional estendeu as medidas de illamento ata o vindeiro 8 de novembro. O país austral é o sétimo do mundo por número de contaxios e está a piques de superar as 30.000 mortes pola covid-19.

Unha economía afundida, indicadores sociais críticos e un horizonte sanitario moi incerto. Este é o balance da pandemia na Arxentina, o segundo país latinoamericano máis afectado pola covid-19.

O presidente do país, Alberto Fernández, chamaba á responsabilidade para frear os contaxios. "Todos queremos que exista verán, pero para que exista verán é moi importante que nos coidemos hoxe", manifestou.

O país austral presenta dúas realidades moi diferentes. A área metropolitana de Bos Aires, que foi durante meses o epicentro do contaxio, reduciu á metade o número de positivos, mentres a pandemia segue avanzando nas provincias do interior.

Tamén preocupan o baixo número de probas PCR e a mala calidade no reconto dos casos, o que levou a Universidade de Oxford a eliminar A Arxentina da súa base de datos.

Noticias web

28/10/2020