CRTVG

Buscar

A área sanitaria de Vigo bate a súa marca da pandemia, con máis de 4.000 casos activos

Publicado o 26/07/2021 14:39

282 novos contaxios nas últimas 24 horas na área sanitaria de Vigo. A transmisión do virus está no nivel máis alto dende o inicio da pandemia e segue a bater récords. Son 4.065 os pacientes con infección activa, dos que 39 están hospitalizados.

Moitos cren que esta quinta onda da pandemia vén da man dos rapaces que están sen vacinar: "Ultimamente están subindo os contaxios moito mais rápido, non sei se é tema de turistas, de que non hai coidado, non sei"; "Hai moitísimo contaxio, eu penso que é mais a xuventude, que sae máis, estas excursións de fin de curso que fixeron, fatais...", afirman dúas veciñas.

O Sergas notificou dous contaxios nesta residencia de anciáns no barrio vigués do Calvario. Son os primeiros casos que se dan en centros de maiores na área sanitaria dende o pasado 13 de marzo.

"É unha falta de responsabilidade, non sei se da rapazada ou non. Pero si que aínda hai xente que non é consciente do que está pasando, e así estamos, que non arrancamos", afirma outra veciña de Vigo.

Unha mostra da alta transmisión da covid en Vigo son os resultados do cribado que se fixo a fin de semana a persoas que non tiñan a pauta completa da vacinación. Das 350 probas que se fixeron, 16 deron positivo. É un 5 %, a porcentaxe máis alta dos oito autobuses que fixeron os tests en toda Galicia.

 

Noticias web

26/07/2021