CRTVG

Buscar

A área sanitaria de Santiago-A Barbanza conta con 582 casos activos

Publicado o 31/08/2020 14:35

Os 4 novos casos de coronavirus rexistrados dende o venres en Negreira elevan ata 16 o total de contaxiados no concello. Entre eles hai 3 menores. Unha situación que obriga a extremar as precaucións.

Manuel Ángel Leis Míguez, alcalde de Negreira, explica que manteñen suspendidas as actividades culturais e pechadas as instalacións deportivas, así como os parques.

A covid-19 afecta tamén varias parroquias do concello da Baña. Entre elas, a da Riba, onde varios veciños permanecen illados. No municipio hai un total de 16 casos activos.

"Son tres gromos independentes, en tres parroquias distintas. Algúns dos afectados están illados aquí e outros en diferentes concellos", explica José Antonio Pereira Gil, alcalde da Baña.

Mantense estable con 34 contaxios o gromo rexistrado en Santa Comba.

No de Melide hai 77 casos activos, dos que só 44 residen no municipio. Ademais da igrexa parroquial, algúns establecementos comerciais e de hostalería permanecen pechados preventivamente, para evitar novos contaxios.

Ademais na residencia DomusVi de Lalín os casos ascenden a 6. Hai 3 empregados e 3 residentes contaxiados, segundo confirman dende o centro. Un dos residentes foi derivado ao hospital e os outros dous permanecen illados nos seus cuartos e asintomáticos, como o resto de usuarios.

A área sanitaria de Santiago-A Barbanza está a atravesar unha repunta de contaxios. Rexistra 582 casos activos de coronavirus. Son 42 máis ca onte. 7 dos afectados están hospitalizados, un deles na unidade de críticos.

Noticias web

31/08/2020