CRTVG

Buscar

A área sanitaria de Pontevedra só ten un ingresado por coronavirus nos seus hospitais

Publicado o 08/05/2020 13:56
A área sanitaria de Pontevedra só ten un ingresado por coronavirus nos seus hospitais

O complexo hospitalario de Pontevedra deu de alta os dous últimos pacientes que seguían ingresados tras infectarse coa COVID-19, segundo informou este venres o Servizo Galego de Saúde.

Estes dous pacientes, ingresados no Hospital de Montecelo, recuperáronse satisfactoriamente do coronavirus e regresaron aos seus domicilios nas últimas horas.

Sen infectados tampouco no Hospital do Salnés, en Vilagarcía, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés só conta actualmente cun paciente ingresado por coronavirus, que está no hospital  QuirónSalud de Pontevedra, un centro de carácter privado.

Os outros 141 casos activos que hai nesta área sanitaria evolucionan favorablemente nos seus respectivos domicilios, segundo Sanidade.

Desde o inicio do plan de continxencia da COVID-19 recuperáronse do coronavirus 664 persoas, quince delas nas últimas vinte e catro horas.

A área sanitaria de Pontevedra é, ademais, a que rexistrou menos falecementos en toda Galicia, con 16 mortes por coronavirus, a primeira delas o 11 de marzo.