CRTVG

Buscar

A área sanitaria de Pontevedra inmobiliza máis de 1.000 máscaras

Publicado o 06/05/2020 18:47
A área sanitaria de Pontevedra inmobiliza máis de 1.000 máscaras

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés inmobilizou máis dun milleiro de máscaras etiquetadas como FFP2 que ofrecían unha menor protección da sinalada, xa que só cumprían os requisitos de FFP1. Fontes de Servizo Galego de Saúde explicaron que esta situación se emendou "de inmediato" e que se enviou unha "comunicación masiva" a todos os centros da área sanitaria para informar respecto diso cando se tivo constancia da mesma. Ademais, notificouse o ocorrido a todos os profesionais por correo electrónico.

En concreto, as máscaras FFP2 garanten unha maior eficacia de filtración mínima e un menor nivel de fuga cara ao exterior que as FFP1. Así, entregáronse 1.640 máscaras PRESURGY: KN95/FFP2 SHUYIAN en distintos servizos dos hospitais Montecelo, Provincial e O Salnés. Destas, utilizáronse 568 en áreas onde non se trata a COVID-19 e sete en Medicina Preventiva, Pneumoloxía e salas de reanimación, mentres que se inmobilizaron 1.065. Ante esta situación, o Sindicato dos Profesionais da Sanidade Pública Galega (Prosagap) afirmou que o Código Penal contempla penas de prisión por non facilitar "os medios necesarios para que os traballadores desempeñen a súa actividade coas medidas de seguridade e hixiene adecuadas". Por iso, avanzou que porá estes feitos en coñecemento da Fiscalía.

Pola súa banda, a xerencia da área sanitaria achacou este posicionamento a un "intento de desprestixio á xestión efectuada contra o coronavirus" e considerou "razoable" o material de protección entregado. A ese respecto, precisou que entre marzo e abril fornecéronse 5.545 máscarás cirúrxicas, 475 máscaras FFP2/ FFP3, 1.180 batas impermeables, 70 lentes protectoras e 60.000 pares de luvas ao día.