CRTVG

Buscar

A área sanitaria de Ourense realiza a PCR número 300.000

Publicado o 07/08/2021 14:40

A área sanitaria de Ourense realizou este mediodía a PCR 300.000 desde o inicio da pandemia. Dezaseis meses en que se foi profesionalizando o método, chegando a procesar máis de 2.500 probas nun só día. Unha das claves para frear a expansión do virus.

A de Adrián, 16 anos, de vacacións no concello limiao de Sarreaus, é a PCR 300.000 da área sanitaria de Ourense. "Deu un amigo positivo e tiven que vir facer a proba", comenta.

Recibiu un diploma conmemorativo que conmemora, tamén, o inxente traballo que hai detrás.

Miriam Vázquez Campo, enfermeira coordinadora dos cribados: "Traballa activamente o servizo de admisión, apoio administrativo, loxística, preventiva... e outros profesionais de vital importancia coma o servizo de limpeza".

Comezaron cando empezou todo, cando a pandemia tomou forma ao noso redor. Primeiro, cun só punto fixo, no covid auto, ao que foron seguindo as múltiples modalidades de rastrexo coas que convivimos hoxe en día.

Miriam Vázquez Campo, enfermeira coordinadora dos cribados: "Cribados en centros sociosanitarios, colexios, grandes empresas... e despois comezamos cos famosos cribados poboacionais. Acórdome do primeiro, 4.000 persoas citadas, non sabiamos ben como nos ía saír, saíu todo correctamente e despois viñeron moitos máis".

Da análise das mostras encárganse aquí, no laboratorio de microbioloxía, que chegou a procesar 2.600 mostras nun só día.

Isabel Paz Vidal, xefa de Microbioloxía do CHUO: "Ao principio iamos con moita cautela, precaución, tiñamos dificultades de reactivos... Melloramos moitísimo en axilidade, capacidade diagnóstica... Melloramos moito a nosa capacidade".

Os cribados axudan a combater a expansión do virus, detectando casos asintomáticos. Pero todos os departamentos implicados coinciden en que a clave para frear a pandemia segue estando na prevención.

Noticias web

07/08/2021