CRTVG

Buscar

A área sanitaria de Ourense elabora un protocolo para o coidado dos maiores

Publicado o 22/04/2020 14:16

Celsa Perdiz, xefa de servizo de Traballo Social: "Salubrízate é darlle protagonimo á cidadanía. É dicir, que as persoas se fagan responsables da súa propia saúde".

Nese decálogo elaborado pola área sanitaria de Ourense, recóllense consellos para xestionar o illamento, tanto para os maiores que viven sós como os que son atendidos por coidadores. Entre eles: manter rutinas diarias, facer exercicio na media do posible e manter o contacto telefónico con familiares e amigos. Coidar a hixiene, a dieta e a medicación. Todo nun ambiente agradable e coidando os detalles.

Mercedes Fernández, médico de familia: "Pois ao mellor un día un aperitivo, ou poñer unha flor enriba dunha mesa, ou sinxelamente ter música, ou ver fotos, ou aqueles que teñen que estar en residencias, pois nese momento pasarlles un vídeo, unha gravación dos seus fillos, da súa familia, vai facer que estean máis contentos e tamén que teñan máis apetito e que coman mellor. Ou xogar un bingo nunha sala común, ou falar de algo común e escoitarse pode ser importante e humanizar esas salas".

Pero para coidar é importante coidarse. Por iso Salubrizate tamén inclúe pílulas con claves para os coidadores.

Celsa Perdiz, xefa de servizo de Traballo Social: "É importantísimo o seu labor, polo tanto, queremos, por unha parte, visibilizalo, e por outra, darlles estratexias, pequena pílulas para que os coidadores se coiden a si mesmos, porque efectivamente se claudica o coidador rómpese a cadea, e a sociedade necesita desas persoas coidadoras".

Mercedes Fernández, médico de familia: "Facer un tempo de exercicio diario, facer estiramentos. Se empezan a sobrecargarse por coidar, que se baleiren, que falen con alguén de confianza. Cun compañeiro, cun veciño, cun amigo. Ou se non temos teléfonos á sua dispocisión, pero que non acumulen antes de que rebenten que esa ola a presión ás veces non ten válvula e temos que poñerlla".

Noticias web

22/04/2020