CRTVG

Buscar

A área sanitaria de Ferrol roza o milleiro de casos activos de covid-19

Publicado o 02/11/2020 14:39

Ferrol retoma o pulso da actividade a medio gas, despois dunha fin de semana moi semellante á do confinamento. Hoxe é día non lectivo en moitos centros escolares e nas rúas o movemento redúcese ao imprescindible.

Moitos hostaleiros víronse obrigados e pechar e os que manteñen a actividade fano coas terrazas á metade da súa ocupación, unha limitación que tamén se estende ao comercio.

Mantense o peche perimetral dos concellos de Ferrol, Narón, Neda e Fene, pero as autoridades municipais agradecen o comportamento cívico dos veciños da comarca. Houbo un total de 14 denuncias desde o venres, das que só dúas corresponderon ao incumprimento do peche.

No caso da Coruña, as limitacións non son tan estritas canto a ocupacións, pero si se rexistrou un maior número de controis nos accesos á cidade. Na Coruña aumenta a presión hospitalaria con 125 pacientes ingresados, 14 deles en UCI, e tamén os casos activos, con 104 novos positivos. Hai que contabilizar dous falecidos nas últimas 24 horas.

Noticias web

02/11/2020